Wednesday 01 de May de 2024

O Concello inaugura unha mostra en recordo de Manfred Gnädinger para ensalzar o valor do seu legado


· A exposición, titulada ‘Tralas pegadas de Man’, poderá visitarse desde hoxe, 29 de decembro de 2022 e ata o 31 de xaneiro de 2023.

· Isabel García, Javier Serantes e Ana Lema son os compoñentes de ‘Retoque Retro’, encargados de darlle vida ás composicións que forman parte do compendio de obras.

O Concello de Camariñas inaugurou esta mañá a mostra que lembra a figura de Manfred Gnädinger, ‘MAN de Camelle’, cuxo obxectivo de poñer en valor o seu legado no ano que se conmemoran os 20 anos do seu pasamento.

A exposición, que se encadra dentro dos diferentes actos programados nas derraderiras semanas polo vixésimo aniversario da traxedia do Prestige, estará no Museo de MAN, situado en Camelle, e poderá visitarse desde hoxe, 29 de decembro de 2022 e ata 31 de xaneiro de 2023.

‘Tralas pegadas de Man’, como se titula a exposición, recolle as obras realizadas por Retoque Retro, que compoñen Isabel García, Javier Sernates e Ana Lema, quenes lle dan vida ás composicións que forman parte do compendio das obras. O obxectivo principal, ademais de renderlle memoria a MAN, é crear unha conciencia ambiental. As obras están feitas de refugallos recollidos nas praias da contorna. O presente ano, os autores chegaron a recoller 10.000 bastonciños para os oídos ou 5.000 tapóns.

A alcaldesa, Sandra Insua, abría coas súas verbas esta mañá o acto inaugural e tras a actuación musical do Coro Municipal Brisas do Mar, lembrando que “Manfred era un profesor que daba clase en Suíza a persoas en risco de exclusión social, e aínda que iso xa nos da unha idea da marabillosa persoa que era, o resto da historia non queda atrás”, enfatizando no “namorado que quedou de Camelle, a onde regresaría para o resto da súa vida nunha casiña de 3 por 2 metros a carón do Atlántico e durmindo o berce das ondas ao bater nas rochas deste lugar da nosa vila”, proseguía a rexedora.

“No quiero seguir viviendo después de ver morir todo lo que yo significo” foi unha das frases que pronunciou a alcaldesa, obra de MAN, tras observar estupefacto o que provocase o afundimento do Prestige na costa camariñana. “Pero deixaches pegada, no pobo e na dos visitantes, que contemplan e contemplamos abraiados e abraiadas o pequenos e pequenas que somos”. Insua rematou subliñando que “grazas ao seu legado, hoxe o Mundo é un lugar un pouquiño máis amable. E non podemos deixar morrer este amor. O amor por un lugar que sempre será seu”.

Posteriormente celebrouse unha mesa redonda na que participaron a propia alcaldesa, Sandra Insua, persoas pertencentes a diferentes asociacións e colectivos como Mar de Fábula ou Retoque Retro, así como persoas que coñeceron a Manfred Gnädinger e que viviron a catástrofe do Prestige de preto. Estivo moderada por Andrea Serodio. Presenciou a xornada o propio sobriño de MAN.

Para finalizar, tivo lugar a ofrenda floral en honra e memoria da figura do Alemán de Camelle, Manfred Gnädinger.